miguelsotelo

Miguel Sotelo é membro da A.C. Lembranzas da Ría dende o ano 2003, onde se formou como bailador e músico. Máis tarde pasou a formar parte da A.C.F. O Fiadeiro, da compañía de música e danza GS21 e do grupo de pandereteiros O Tear de Llerena. Foi director do grupo infantil da A.C. Lembranzas da Ría ata o 2012. Durante estes anos, ampliou os seus coñecementos asistindo a numerosas clases cos mellores mestres de baile tradicional galego: Manolo Cobas, Chisco Feijóo, Serxio Cobos, Óscar Cobos, Carlos Xosé, Gustavo Couto, Luis Prego, Miguel Souto, Quique Peón, etc.

É membro fundador de Projecto ['trepia], no que participa como músico e bailador. En 2009 entra a formar parte da compañía de danza e música Circio e dous anos máis tarde da compañía de danza Quique Peón Cía, proxectos nos que continúa inmerso actualmente.

Ademais, é director artístico e membro do grupo de baile Trébede da A.C. Loaira de Marin, así como director de baile da A.C. Retrouso de Cela (Bueu) e do grupo de danzas Ximalveira do Hío (Cangas). Na actualidade tamén vén impartindo clases de baile tradicional galego na asociación cultural O Arco de Vilanova, na A.C. Trepia en Pontevedra, na A.C.F. Tarambainas e na escola da A.C.F. O Fiadeiro, ambas de Vigo, e na A.C. Ardanceiras (Marín).

Ao longo destes anos, tamén imparte varios cursos de baile en diversas asociacións e en Centros Galegos. Ademais, imparte seminarios de baile tradicional galego fóra de Galicia en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.